GALIZA CELEBROU O DIA DA PÁTRIA
![]()
Miles de persoas reivindican en Compostela "a forza da nación galega"
Miles de persoas procedentes de todas as comarcas galegas —ao redor de 20.000 persoas— manifestáronse esta quinta feira polas rúas de Compostela convocadas polo BNG nunha grande mobilización polo Día da Patria Galega baixo o lema A forza deste país. A manifestación partiu da Alameda da capital galega pasadas as 12 horas entre bandeiras, gaitas, bombos do Baixo Miño e consignas, e presidida por unha bandeira da Patria xigante; para percorrer as rúas composteláns e desembocar na praza da Quintana. Este 25 de xullo fixéronse 40 anos da “recuperación” da zona vella para a manifestación nacionalista, á que se lle prohibira acceder ao corazón de pedra da capital entre 1981 e 1983. “Non renunciamos á Patria galega”, un dos lemas coreados esta quinta polos manifestantes e que xa estaba presente naquel Día da Patria Galega de 1984.
A faixa co lema deste ano,portada pola Executiva nacional do BNG coa súa portavoz nacional á fronte, Ana Pontón; percorría a capital e ía abrindo paso a unha riada de miles de persoas que celebraban a nación galega. Faixas en defensa do galego ou da sanidade pública, contra Altri e os proxectos de “destrución do territorio”, de defensa dos sectores produtivos, reivindicando a soberanía nacional.... Destacaba unha faixa xigante cos rostros de Castelao e Rosalía, dúas figuras que malia os pasos dos anos, das décadas, manteñen a súa vixencia na simboloxía do nacionalismo. Na manifestación puido verse de novo ao histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen xunto Martiño Noriega e Antón Sánchez levaban a pancarta de Anova, coa que a formación escenifica a súa sintonía co proxecto do BNG.
Fonte: Nòs Diario
![]()
![]()